O grupo provincial do PP non está disposto a tolerar “os exercicios de opacidade” nos que “con frecuencia incorre o bigoberno (PSOE-BNG)”, segundo os populares. Por iso acudiu á Valedora do Pobo en relación co Plan Impulsa Lugo. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “O grupo provincial do PP volve pedir o expediente do Plan Impulsa Lugo, logo de que a Valedora do Pobo lle dera a razón na súa queixa. Naquel momento o bipartito presentou un Plan Impulsa de reactivación no que anunciaba sete millóns de euros en diferentes accións, pero non foi capaz de presentar á oposición que o solicitou formalmente”.
Castiñeira declara: “Di a Valedora do Pobo que a Deputación debe dar o acceso que pide o PP ao plan. Expón que ademais debe ter obxectivos concretos, actividades, medios e tempos para a súa consecución; o seu grado de cumprimento e resultado deben ser obxectivo de avaliación periódica, xunto cunha valoración”.
O portavoz popular explica: “Todo isto, segundo comunicou inicialmente o bipartito ao Partido Popular non existía, non había plan e só eran medidas políticas; medidas, hai que dicir, con altas doses de propaganda despois terse demostrada a nula xestión do goberno provincial para a reactivación económica da provincia”. Os populares destacan que o bipartito “non foi capaz nin de elaborar un plan de axudas, como pedía o PP, para pemes e autónomos afectados; ao contrario, despois de moitas presións, prometeron o 1% dos orzamentos, que a día de hoxe, aínda non cumpriron”.
Castiñeira manifesta: “Imos ver agora como se amaña o bipartito para entregar á oposición un plan que aseguraron non ter. Ao final acabarán dando a razón ao PP, que os tachou de improvisadores políticos. En todo caso, sería un plan engordado con accións xa existentes antes da crise, como era o Lugo termal, as viaxes en catamarán e mesmo as subvencións a colectivos e asociacións, que son o que conforman o groso dos sete millóns de euros anunciados polo bipartito”.