Os edís de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, e Cohesión Social e Territorial, Ana Abelleira, participaron este luns na presentación da sexta edición da media maratón Cidade de Lugo, que terá lugar o vindeiro domingo, 12 de maio, organizada polo diario El Progreso, coa colaboración do Concello. O evento deportivo contará con dúas modalidades, unha proba de 10 quilómetros, e outra de 21, con saída e meta ambas na Praza Horta do Seminario.
Jorge Bustos explicou que se trata “dunha cita xa consolidada na nosa cidade, cunha gran acollida, pois cada ano reúne a centenares de participantes, e ademais supón unha magnífica oportunidade para que deportistas que veñen doutras localidades poidan coñecer e disfrutar do noso municipio ao desenvolverse a proba nunha contorna privilexiada”.
“A día de hoxe xa son 960 as persoas inscritas para participar o domingo, 618 na media maratón e 342 na modalidade de 10k”, subliñou Bustos. Toda a información atópase na web oficial: www.mmcidadelugo.com Ás 10:00 horas terá lugar a saída da 10k e ás 10:15 horas a saída da media maratón. A proba estará controlada por CCNORTE e dispoñerá varios controis de paso tanto en puntos estratéxicos como en puntos quilométricos para o correcto control dos participantes.