A deputada de Cultura Iria Castro visitou hoxe a escola da Asociación Músico Crisanto, un proxecto de ensinanza musical que une os concellos de Begonte, Rábade, Outeiro de Rei e Friol e que conta cunha 300 alumnas e alumnos.
A responsable provincial coñeceu as súas instalacións en Baamonde e conversou coa directiva da asociación e con integrantes da banda infantil, a formación máis nova da asociación.
Castro valorou “a consolidación do proxecto a través dunha formula mancomunada entre os concellos, que ven recibindo apoio continuado por parte da Vicepresidencia da Deputación ao longo destes anos” e subliñou “a importancia de iniciativas que pulen por ofrecer as nenas e nenos dos concellos rurais os mesmos servizos e oportunidades que poderían ter na cidade, neste caso cunha formación musical de calidade e cunha oferta variada”.
A área de Cultura, que ven colaborando de xeito estable coa entidade, renova neste ano 2025 o seu apoio ao proxecto cunha achega de 28.000 euros, destinados a gastos relacionados coa actividade formativa.