A Xira de Vilalba contará este ano cun Punto Lila de atención e información ante casos de agresións sexistas, formado por un equipo multidisciplinar de voluntarias especializadas en igualdade e violencia de xénero. Esta iniciativa que parte do Concello de Vilalba nace froito dun convenio firmado entre a entidade local e a Asociación Feminista Vilalba.
Segundo vén de explicar a concelleira de Igualdade, Vanesa Siso, “no Punto Lila ofrecerase información, asesoramento e acompañamento ante calquera caso de agresión sexual”, pero ademais “daremos visibilidade e concienciaremos a través dunha campaña que fai fincapé na importancia das relacións respectuosas, dirixida ás mozas, pero especialmente aos mozos”. Polo tanto, buscan que toda a festa se implique na loita contra as diferentes violencias que se exercen contra mulleres e nenas, incluíndo “paneis informativos sobre a cultura da violación e a violencia sexual”.
O convenio firmado coa AFV garante unha atención especializada das voluntarias, con perfís profesionais relacionados coa psicoloxía, pedagoxía, traballo e educación social, así como formación específica en xénero. Ademais, “o persoal do CIM fixo unha formación e asesoramento ás voluntarias para determinar o proceder ante os diferentes casos que se podan presentar, ademais de que estarán en permanente contacto coa Garda Civil”, subliñou Siso.
Desde o equipo de goberno inciden na importancia de dirixirse aos mozos para que rexeiten a violencia contra as mulleres e “non se fagan cómplices dunha masculinidade agresiva e dominante”, e ás mozas para trasladar que ningunha agresión é pequena e que “unha agresión sexual sen intimidación nin violencia, tamén é unha agresión sexual”. Para isto, repartiranse distintos materias entre a mocidade, situando tamén paneis informativos sobre a violencia sexual e a cultura da violación.
Ago 21, 2019 - 04:41 PM
Elas tamen o son…non solo homrs