A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé rematar a finais deste mes as obras de mellora do firme da estrada autonómica LU-212 ao seu paso polos concellos de Taboada e Monterroso. Así o anunciou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen estivo esta mañá en Monterroso para comprobar o estado de execución dos traballos e explicou que avanzan a bo ritmo, polo que o departamento de Infraestruturas agarda que nas vindeiras semanas poidan estar completados.
As obras supoñen un investimento de 300.000 euros e son executadas pola empresa Ovisa. O treito da actuación abrangue 11 quilómetros -en concreto, dende o quilómetro 0 ao 10,800- o que inclúe ambos termos municipais.
Complementariamente, tamén está prevista a reposición da sinalización horizontal afectada, mediante o repintado de marcas viarias. Asimesmo será instalado un novo aforo permanente de espiras -que mide a intensidade e características do tráfico- emprazado nos espazos obxecto de mellora.
Balseiro salientou que o Goberno galego impulsa obras de rehabilitación das estradas autonómicas lucenses, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria e a garantir o confort na circulación para os usuarios das vías, así como poñer ao servizo da veciñanza dos municipios beneficiarios unhas vías de comunicación en bo estado.