A Xunta achega 400.000 euros a 34 titulares de montes para accións preventivas dos lumes

A Consellería do Medio Rural achegou 417.000 euros a 34 propietarios de montes da comarca da Terra Chá, tanto persoas físicas como comunidades, para a realización de tratamentos silvícolas e outros labores co obxectivo de previr os danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes, e de incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe os terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Rigueira, os montes de Mudia na Pastoriza, que foi unha das beneficiarias por estas axudas, e mantivo un encontro cos seus representantes ao que tamén asistiron o alcalde, Primitivo Iglesias, e a xefa territorial da Consellería do Medio Rural, Olga Iglesias, entre outros.

Balseiro explicou que a Xunta subvencionou accións de roza, poda e tratamento dos restos e, no caso das comunidades de montes, ademais do control selectivo do combustible tamén se financiou a construción de puntos de auga. As achegas responden a dúas liñas de subvencións, unha delas especificamente dirixida aos montes veciñais e Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) e a outra aberta a calquera persoa propietaria, física ou xurídica. Na Terra Chá, os expedientes de axudas que corresponden ás comunidades de montes supoñen o 65% do total.

Ao respecto, Balseiro lembrou que a Consellería do Medio Rural dálles aos montes veciñais en man común carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora da produción agraria, e destacou que estes “poden xogar un papel importante no obxectivo, que nos compete a todos, de manter a masa forestal nas mellores condicións posibles para evitar os incendios ou minimizar os seus efectos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com