A Xunta de Galicia achegará preto de 400.000 euros a 21 concellos da provincia de Lugo para que melloren a accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos situados no medio rural. As subvencións de Turismo de Galicia pretenden que os concellos realicen actuacións que potencien tanto os seus recursos naturais miradoiros e rotas de sendeirismo, praias marítimas e fluviais como os bens de interese cultural existentes nas zonas rurais do municipio.
A provincia de Lugo recibe un investimento global de 376.890 euros, distribuídos entre os concellos de Láncara, Quiroga, Foz, Sober, Ribas de Sil, O Valadouro, Chantada, Palas de Rei, Monforte de Lemos, Lugo, Portomarín, Negueira de Muñiz, Outeiro de Rei, Guntín, Pantón, Ribadeo, Lourenzá, Cospeito, Abadín, Becerreá e Antas de Ulla.
Os proxectos subvencionados contemplan a ordenación e acondicionamento de rotas e do entorno de elementos naturais e patrimoniais singulares, pero tamén a difusión dos recursos turísticos a través da colocación de sinais convencionais ou de pantallas led e do desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, entre outros.
Esta iniciativa enmárcase na estratexia do Goberno galego para promover o desenvolvemento rural, que se aborda dende unha perspectiva integral con accións en distintos ámbitos destinadas a diversificar a economía, mellorar calidade de vida e conseguir o reequilibrio territorial.
Doutra banda, o director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, asinou esta mañá en Lugo cinco convenios de colaboración para a mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Begonte, Cospeito, Pantón, Ribas de Sil e Vilalba. O importe total dos convenios é de preto de 200.000 euros.
Tres destes convenios, os de Cospeito, Ribas de Sil e Vilalba, asínaronse ao abeiro dunha orde de subvencións da Vicepresidencia para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2015.
Así, a Xunta subvencionará con 40.000 euros ao Concello de Cospeito para que realice a pavimentación de varias vías municipais, mentres que Ribas de Sil recibirá 16.833 euros para a mellora da Rúa do Bao e Vilalba 28.000 euros cos que acondicionará o camiño rural de Regovide a Carregal.
Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. Este programa, ao igual que a Xunta, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais” e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente a aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas.
Fondo de Compensación Ambiental
Doutra banda, asináronse tamén dous convenios con Begonte e Pantón, ao abeiro das axudas do Fondo de Compensación Ambiental. O FCA é unha iniciativa que a Xunta puxo en marcha hai cinco anos para que, por primeira vez en Galicia, os concellos galegos puideran beneficiarse das explotacións de enerxía eólica, grazas ao canon eólico.
Estas axudas representa un triplo beneficio para os concellos, xa que ademais de axudar ás arcas municipais, cooperan na conservación do medio natural e son unha clara mostra da aposta da Xunta polo reequilibrio territorial, ao beneficiar sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia, como é o caso de Begonte e Pantón.
Nesta ocasión, o Concello de Begonte recibirá 35.000 euros para a ampliación da rede de saneamento da parroquia de Illán e o Pantón 80.000 euros máis cos que financiar o saneamento das augas residuais do núcleo de poboación de Cimadevila.