A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe unha xornada formativa sobre o Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia e o procedemento da administración electrónica da Xunta que permite a inclusión dos datos de forma rápida e sinxela.
O encontro foi organizado pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural en colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, e contou coa participación de traballadores de distintas empresas do ramo. Asistiron á inauguración o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o presidente da citada asociación, Daniel Díaz Ramos, entre outros.
No Rexistro de Empresas do Sector Forestal están inscritas as cooperativas, as empresas e as industrias forestais, tanto as que realizan traballos forestais nos montes galegos como as industrias forestais con sede social na Comunidade Autónoma, incluíndo nestas as de serra, chapa, taboleiros, pasta, papel, biomasa forestal, pellets, cortiza, cogomelos, plantas aromáticas, pequenos froitos, castaña e as que fagan aproveitamento doutros recursos forestais.
As entidades inscritas deben cumprimentar unha comunicación anual de datos que deixe constancia da súa actividade -cortas, compras ou vendas, entre outros- mediante un procedemento electrónico a través da páxina web da Xunta de Galicia.
O obxectivo deste rexistro é evitar a comercialización de madeira de orixe ilegal e asegurar a trazabilidade do produto en toda a cadea de subministro.