A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou obras de mellora na estación de autobuses de Lugo. Os traballos teñen un prazo de execución dun mes e está previsto que comecen a mediados de marzo.
As actuacións programadas inclúen o acondicionamento dunha zona da cuberta, en concreto a que está situada sobre o comedor do establecemento de hostalería que hai nestas instalacións.
Tamén se mellorará unha parte do sistema de saneamento, substituíndo o colector que sae dos baños da planta baixa e un treito da acometida á rede xeral. Ademais, executaranse novas arquetas de paso. Está previsto que posteriormente se repoña a parte da beirarrúa e do solo que se vexan afectados polas obras.