A Xunta de Galicia vén de activar o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) no nivel 1, o que permite a mobilización dos medios e recursos de ámbito xeográfico local ou supralocal, para atallar un incendio industrial declarado no interior dunha nave de madeira, no concello de Sarria.
Pasadas as 18:30 horas, varias testemuñas puxeron a alerta do lume en coñecemento do 112 Galicia. Así, as persoas indicaban que se saía fume, e incluso lapas, dunha fábrica de madeira afincada no lugar de Callás, en San Fiz de Reimóndez.
Deste xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) déuselle o aviso aos Bombeiros da localidade, á Garda Civil, á Policía Local e a Protección Civil. Ademais, como medida preventiva, tamén se alertou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, a nave afectada é lindeira con outra dedicada ao aluminio e, ante a necesidade de brindar apoio nas tarefas de extinción do lume no punto, foron alertados medios forestais, os Bombeiros dos parques de Lugo e de Monforte, así como o GES de Becerreá e de Monterroso.
Nestes momentos, os medios atópanse traballando arreo na sufocación do incendio.