A Xunta está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 12 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.
Os negocios que desexen participar nesta iniciativa levan sumándose desde o pasado 23 de outubro, e teñen de prazo para seguilo facendo ata o 15 de decembro. Mentres, as persoas consumidoras poden descargar desde xa na web www.bonosactivacomercio.gal bonos desconto de ata 30 euros para as compras que realicen nos comercios vencellados.
Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
Na última edición superáronse os 6.800 negocios participantes. En total, nas catro edicións anteriores acadáronse os obxectivos, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 77 millóns de euros.