A Xunta de Galicia confirmou que a partir do vindeiro martes, 13 de outubro, adecuaranse os horarios de varias liñas de autobús para facilitar os desprazamentos de alumnado de concellos da contorna de Lugo que están matriculados en institutos da cidade e teñen que asistir ás clases en horario de tarde.
O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, afirmou que esta medida ponse en marcha co fin de atender ás necesidades excepcionais xeradas co inicio do curso por mor da pandemia da Covid-19, que obrigou a facer modificacións horarias nos centros educativos.
Nos últimos días, o Goberno autonómico estivo traballando coas empresas encargadas das liñas de transporte na procura dunha solución para facilitar os traslados dos estudantes que residen en municipios como Portomarín e estudan en institutos de Lugo.
Segundo apuntou Arias, optouse por axustar os horarios de varias rutas de transporte regular para adaptalos ás entradas e saídas das clases que se imparten en horario de tarde nos IES Sanxillao, Nosa Señora dos Ollos Grandes e Lucus Augusti.