A Consellería de Cultura e Turismo vén de publicar no perfil de contratos de Galicia a adxudicación por importe de 142.000 euros da obra de restauración do cubo XXXI da Muralla de Lugo, á altura da rúa Clérigos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que resta só a formalización do contrato para acometer unhas obras que teñen un prazo de execución de dos meses e que servirán para a mellor conservación e posta en valor deste monumento, declarado Patrimonio Mundial.
Os traballos proxectados teñen un dobre obxectivo: por unha banda servirán para corrixir unha serie de patoloxías detectadas nas estruturas e propia do paso do tempo e, en segundo lugar, permitirán seguir afondando na investigación arqueolóxica da cerca romana.
Intervención arqueolóxica
A rehabilitación permitirá consolidar o monumento, eliminando a filtración de humidades e a acumulación de auga nos muros interiores. Procederase tamén á escavación manual arqueolóxica do adarve e escaleira ata a cota orixinal romana.
A escavación permitirá restaurar, documentar a protexer a escaleira, e impermeabilizar a estrutura do cubo con distintas capas de xeotéxtil, arxila natural e grixo, para finalmente completar o recheo e repoñer os muros e os petos.
O seguimento arqueolóxico da obra inclúe a realización de dúas catas coa finalidade de definir o trazado orixinal do cubo romano, a documentación da escaleira, e o levantamento topográfico e a fotogrametría 3D da escaleira exhumada.