A Consellería de Cultura e Turismo vén de adxudicar as obras de restauración, reparación e conservación preventiva da igrexa de San Xoán de Portomarín, ás que destinará un investimento de 248.478 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos contan cun prazo de execución de seis meses e se iniciarán tan pronto sexa posible unha vez que se formalice o contrato.
Despois dun primeiro procedemento de licitación que quedou deserto, a Xunta procedeu a realizar unha segunda convocatoria que se viu afectada pola situación extraordinaria xerada pola expansión do coronavirus. En todo caso, afirma Balseiro, o obxectivo sempre foi que a igrexa, unha das máis recoñecibles do Camiño Francés, estivera nas mellores condicións de cara ao próximo Ano Santo, “o que resulta máis necesario se cabe neste novo escenario porque somos conscientes de que agora máis que nunca temos que dar o mellor de nós para que o Xacobeo 2021 sexa un éxito”.
A intervención, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, servirá para resolver problemas provocados pola filtración de humidades que se produce a través das cubertas e os sistemas de evacuación das augas de chuvia.
Tamén se traballará no aspecto da mellora da imaxe e decoro do monumento, coa limpeza da fachada, a restauración das portadas escultóricas e da vidrería do rosetón principal, o melloramento da iluminación e a ocultación da instalación eléctrica. Igualmente, vanse substituír as reixas entre as ameas por un sistema que evite a entrada de aves nos paseos de rolda, entre outros labores.
A igrexa de San Nicolás ou de San Xoán de Portomarín ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento. Foi construída entre os séculos XII e XIII pola Orde Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, seguindo a tradición dos antigos templos romanos dedicados ao deus Xano.