A Xunta adxudica o contrato para impulsar un Plan de sendas nas comarcas de Lemos e Sarria

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar o contrato para redactar un Plan de sendas nas comarcas de Lemos e de Sarria.  Este servizo adxudicouse á empresa Sepco, Servicios y productos de obras, S.L., por un importe de máis de 18.000 euros.

Trátase de identificar os treitos de sendas prioritarios a executar nas marxes das estradas autonómicas ao seu paso polos concellos da comarca de Lemos: Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober; e nos municipios da comarca de Sarria: O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos, Sarria e Triacastela. No marco da redacción deste contrato, que opta a posible financiamento europeo con fondos Next Generation ou FEDER 21/27, consultarase aos municipios nos que se acometerán as sendas, tal como se fixo nas fases anteriores noutras comarcas.
Para o impulso destes itinerarios peonís e ciclistas, tómanse en consideración criterios como a localización das estradas con respecto a núcleos de poboación ou servizos e equipamentos. Tamén se teñen en conta as características particulares das vías, a integración ambiental ou a mobilidade alternativa actual.
No caso de cada bisbarra, realizarase un estudo inicial de identificación de posibles sendas, relacionando os focos de atracción de peóns e ciclistas cos seus puntos de xeración correspondentes. Identificaranse as sendas existentes, as planificadas e os tramos onde sería axeitado implantalas.

A continuación, avaliarase a oportunidade de executar cada treito de senda identificado, para xerarquizar a proposta de actuación en base a criterios obxectivos que determinen a eficiencia e eficacia das actuacións. Tamén se estudará a posibilidade de incluír sendas en concellos limítrofes, cando se consideren necesarias ou dean continuidade a itinerarios das comarcas analizadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com