O contrato para urbanizar a fase 2 do polígono empresarial das Gándaras, en Lugo, adxudicarase o próximo mes de outubro. Así o avanzou
esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen subliñou a importancia destes traballos para poder avanzar na ampliación deste parque e responder deste xeito á demanda de solo industrial existente na cidade.
Precisamente, a conselleira mantivo hoxe unha reunión de traballo con representantes da Asociación de Empresarios do Ceao e das Gándaras co fin de trasladarlles a situación actual deste último polígono e os próximos pasos previstos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para poñer máis superficie a disposición do tecido empresarial lucense.
Nestes momentos, o 95% das parcelas dispoñibles e urbanizadas no polígono –un total de 115- están vendidas. Delas, máis de 90 xa contan con actividade empresarial e o resto, están en fase de asentamento por parte das empresas que as adquiriron.
Por iso, Vázquez Mejuto resaltou que “é evidente” que a demanda de solo nas Gándaras xustifica a súa ampliación, de aí a importancia de adxudicar canto antes a urbanización de 86.365 metros cadrados correspondentes á fase 2 do polígono.
Con estes traballos, engadiu a conselleira, “dotarase ao parque dunha ampla zona de aparcadoiro cun total de 530 novas prazas, tamén se executará unha praza pública de máis de 6.000 metros cadrados e urbanizaranse dúas parcelas, unha das cales xa foi adxudicada”.
En todo caso, avanzou tamén que “a intención do seu departamento é acometer a medio prazo unha nova ampliación nas Gándaras. Así, a chamada fase 3 permitirá incrementar a superficie do polígono noutros 67.127 metros cadrados e porá a disposición das empresas
máis solo industrial neste parque, que se beneficia dunha bonificación do 50% dos prezos de venda desde que a Xunta puxo en marcha no ano 2015 o seu programa de incentivos para favorecer a implantación empresarial en polígonos da súa propiedade”.
A previsión é licitar o próximo ano a urbanización desta terceira fase do polígono industrial das Gándaras, da que se esperan obter 37 novas parcelas cunha extensión media duns 1.000 metros cadrados, atendendo á propia demanda das empresas de terreos máis pequenos, tal e como explicou a conselleira.