A Xunta de Galicia vén de consignar nos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2023 unha partida de 1 M€ coa cal se vai acometer a
rehabilitación integral da Escola de Arte e Superior de Deseño, EASD Ramón Falcón, de Lugo. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, nunha visita a este centro de ensinanzas de réxime especial.
Román Rodríguez deu conta do proxecto, que nestes momentos está en supervisión, e que, segundo dixo, “a previsión é que estea concluído antes de que remate este ano co obxecto de sacalo a licitación no primeiro trimestre de 2023”.
Ademais da anunciada rehabilitación na Ramón Falcón, tamén se acometerán as rehabilitacións integrais do colexio Paradai e dos institutos Anxel Fole, Lucus Augusti e Ollos Grandes ou o centro de biomasa que dará servizo ao complexo no que se sitúan estes dous IES xunto co CIFP Politécnico, o colexio Anexa e a Facultade de Formación do Profesorado.
Descrición do proxecto
A falta de pechar o proxecto definitivo, a rehabilitación integral da Ramón Falcón suporá a renovación das ventás e dos vidros de todo o centro así como dos aleiros da cuberta e o cambio da iluminación existente por luminarias tipo LED.
A maiores tamén se substituirá a actual caldeira de gasóleo por unha de biomasa, co conseguinte aforro enerxético e medioambiental.
Esta é unha das catro Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia, na que uns 240 estudantes cursan estudios superiores de grao en Deseño de interiores e en Deseño gráfico, así como de ciclos formativos de grao superior de Gravado e estampación, de Cerámica artística ou de Fotografía e de grao medio de Serigrafía artística.