O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe que o Goberno galego habilitará axudas para os damnificados polo episodio excepcional de incendios forestais rexistrado estes días na nosa comunidade. “Hoxe aprobamos o decreto que permite iniciar todo o proceso administrativo para convocar axudas directas aos afectados polos lumes”, explicou Rueda, quen asegurou que o obxectivo da Xunta é que a maioría das convocatorias de axudas sexan aprobadas no Consello da vindeira semana.
Rueda explicou que a Axencia Galega de Emerxencias avaliou a situación das zonas onde houbo incendios nos últimos días e decretou que trátase de “zonas afectadas por lumes de natureza catastrófica”. A partir dese informe, a Xunta pon en marcha os mecanimos administrativos necesarios para lanzar o antes posible estas liñas de axudas.
O titular da Xunta, que agradeceu a resposta destes días tanto dos servizos de extinción como da poboación afectada polos lumes, recordou que “o prioritario é o control dos incendios” e tras solventar esta situación “toca axudar as persoas máis afectadas”, especialmente aos que perderon ou viron danadas as súas casas.
Rueda explicou que Consello do Goberno galego aprobou na súa xuntanza de hoxe o decreto que regula a concesión destas achegas, que terán carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, do que poidan ser beneficiarios os afectados.
As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e nas condicións que se establezan nas súas correspondentes bases reguladoras.
Pola natureza destas achegas, os anticipos ou pagamentos á conta que prevexan as convocatorias ou resolucións de concesión directa que se diten, e que poderían acadar ata o 100%, quedarán exentos da obriga de constituír garantías.
As axudas contemplan os danos persoais sufridos, no seu caso, así como os causados en vivendas e enxoval domésticos e tamén en instalacións complementarias, dentro das que se inclúen pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, de telecomunicacións etc. Así mesmo, tamén se entenderá como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente do predio no que estea a vivenda.
En concreto, en caso de vivenda habitual, concederase o 100% do custo da reposición ou reparación, tanto do edificio principal como das instalacións complementarias, cun máximo de 122.400 euros. Se era unha vivenda non permanente nin habitual, concederase cun máximo -neste caso- de 61.200 euros.
Mentres, para cubrir os danos sufridos polo enxoval doméstico de primeira necesidade, nas primeiras vivendas financiaranse o 100% dos gastos: se están ruinosas, cun máximo de 15.000 euros; se non o están, cun máximo de 7.000 euros. Pola súa banda, nas vivendas que non sexan permanentes nin habituais cubrirase o 50% dos estragos no enxoval: se están ruinosas, cun máximo de 5000 euros; se non o están, cun máximo de 3.000 euros. Cómpre apuntar que para este tipo de axudas, no caso de se determinar a ruína da vivenda, os beneficiarios non terán que presentar outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible en dereito da titularidade ou usufruto do inmoble, sen prexuízo dos controis que se establezan para verificar esta cuestión.
No que atinxe aos establecementos comerciais e doutro tipo, tamén se incluirán os danos ocasionados nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías depositadas nelas, así como os vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades. Quedarán excluídas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.
Tamén se dará cobertura aos titulares de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, polos danos e perdas derivados directamente dos incendios, así como os donos de maquinaria afectada. Outros beneficiarios poderán ser as entidades locais, para facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal por esta causa e tamén as asociacións, clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro polos danos nas súas instalacións. No caso dos entes locais, estas axudas terán, en todo caso, carácter complementario ás que sexan aprobadas por outras administracións.