A Xunta anuncia investimentos para financiar proxectos de particulares en espazos da Rede Natura

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará 765.500 euros a financiar 25 proxectos de particulares na provincia de Lugo para realizar actuacións de recuperación, preservación e mellora en espazos incluídos na Rede Natura 2000.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, anunciou que este investimento permitirá realizar actuacións de rehabilitación de elementos tradicionais e diversas iniciativas de adecuación e mellora en once concellos lucenses. En concreto, serán sufragados proxectos en Navia de Suarna (cinco), Cervantes (cinco), Folgoso do Courel (tres), Quiroga (tres), A Pobra do Brollón (dous), Samos (dous), Xove, Muras, Begonte e Sober (un en cada municipio) e unha actuación de mellora do estado de conservación de zonas da Rede Natura que abrangue conxuntamente espazos de Outeiro de Rei, Begonte e Cervantes.

Este investimento permitirá financiar proxectos como a mellora de carreiros rurais, a creación dunha área recreativa, a rehabilitación de muros de pedra tradicionais, peches de madeira e lousados, a recuperación de soutos, a restauración de tres hórreos, a creación de roteiros de sendeirismo e diversas iniciativas de preservación, mellora e posta en valor da biodiversidade.

Segundo precisou Balseiro, os beneficiarios das axudas son tanto particulares como comunidades de montes ou asociacións. O Goberno galego achega a totalidade do orzamento das actuacións, de forma que os promotores só deben asumir o IVE.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com