O municipio do Corgo disporá dun Punto de Atención á Infancia (PAI) con 20 prazas para nenos e nenas de 3 meses a 3 anos, promovido polo Concello co apoio da Xunta, que aporta 190.400 euros -o 90% do orzamento- a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Comarca de Lugo.
O delegado territorial da Administración autonómica, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as obras acompañado polo alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro, entre outras persoas. A actuación está moi avanzada e trabállase coa previsión de que o PAI entre en servizo para o vindeiro mes de setembro.
Balseiro salientou a importancia dos proxectos non produtivos apoiados polos GDR, que “incrementan as dotacións para os veciños e veciñas do rural”. Neste caso, a nova infraestrutura contribuirá a facilitar recursos de conciliación ás familias do concello. No municipio do Corgo, lembrou o delegado, tamén está en funcionamento unha das Casas Niño que forman parte da rede impulsada pola Consellería de Política Social e que prestan un servizo moi demandado.
O delegado subliñou que “é fundamental que as persoas que residen nos concellos rurais dispoñan dos mesmos servizos e oportunidades que nas áreas urbanas”, e sinalou ao mesmo tempo que as iniciativas non produtivas financiadas polos GDR compleméntanse con outras de carácter produtivo, máis centradas en apoiar empresas, tanto para a posta en marcha de novas iniciativas como para a mellora das xa existentes, de forma que se reforza o tecido económico e empresarial.