A Consellería de Cultura e Turismo apoiou cunha achega de 45.000 euros o proxecto de sinalización turística da Vía Künig impulsado pola agrupación de concellos das Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, estivo hoxe nas Nogais acompañado por representantes dos municipios promotores para comprobar a execución desta actuación, que contou co cofinanciamento da Administración galega a través da orde de axudas para a mellora de infraestruturas turísticas no medio rural.
O proxecto incluíu a colocación de 165 fitos de madeira, 19 paneis informativos en aluminio e 6 sinais direccionais, de acordo co manual de homologación de sendeiros da Federación Galega de Montañismo. A iniciativa trata de poñer en valor esta ruta e mellorar ademais a información aos visitantes identificando os principais recursos turísticos e culturais que poden atopar ao longo do percorrido.
Nese sentido, Balseiro lembrou que no marco desta orde de axudas a Xunta colabora cos concellos no impulso de proxectos que supoñan “a posta en valor, aproveitamento e potenciación dos recursos turísticos da nosa provincia e a mellora de infraestruturas”.