A Xunta de Galicia leva achegados, no que levamos de ano, un millón de euros para apoiar novas obras e servizos en Navia de Suarna, un investimento que destacaban esta mañá dende o PP local tras unha reunión co delegado territorial, José Manuel Balseiro, e ao que, din, “habería que engadir o custe do sostemento dos principais servizos públicos” que ten que asumir ao Goberno galego nos concellos como a educación e a sanidade.
Cifras que, segundo confirmou o voceiro popular no Concello, Jesús Fernández, converten á Xunta na “administración que máis inviste no municipio”. Pola súa contía as principais achegas da Xunta van dirixidas ao sostemento do
servizo municipal de axuda no fogar que só nos últimos nove meses recibiu achegas por importe de 150.000 euros, dirixidas ao pago dos salarios dos profesionais que se encargan da atención e coidado das persoas maiores e en situación de dependencia.
O Goberno galego tamén destina ao Concello de Navia unha achega anual de 217.000 euros con cargo ao Fondo de Cooperación Local, que despois o Goberno local pode destinar, en liberdade, a financiar aquelas obras e servizos que estime máis acaídas en interese da súa veciñanza. A Xunta tamén fixo entrega dun novo vehículo 4×4 equipado cunha esparexadora de sal para o servizo de Protección Civil local, cun custe estimado de case 30.000 euros e 10.000 euros adicionais para un plan de mellora de fontes emprazadas en espazos da Reda Natura 2000.
No ámbito do emprego o Goberno galego financiou a contratación de 2 traballadores municipais a través do programa Aprol Rural e apoiou a 2 traballadores autónomos con axudas directas de funcionamento.
Entre as achegas máis relevantes neste municipio están tamén as destinadas pola Consellería de Medio Rural, que financiou con 25.000 euros obras de mellora de diversos camiños municipais, achegou 112.000 euros máis para apoiar proxectos do Grupo de Desenvolvemento Rural e case 200.000 euros en distintas axudas repartidas entre 13 comunidades de montes para diversas labores de reforestación, limpeza forestal e distintas tarefas silvícolas.