A Xunta financiará con 200.000 euros as obras de mantemento do edificio Círculo das Artes de Lugo, inmoble construído polo arquitecto Luis Bellido no ano 1898 e que conta coa consideración de carácter histórico.
Catalogado cun nivel de protección 2, posúe un papel relevante na vida cultural da cidade pola súa ampla e variada actividade dinamizadora.
Todos estes factores foron tidos en conta polo Consello da Xunta que autorizou hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Asociación Círculo das Artes de Lugo co obxecto de que esta achega para obras –que
irán encamiñadas especialmente á actuacións na cuberta, fachadas e interiores– sirva par acadar a posta en valor, a conservación e a reparación das deficiencias actuais deste edificio.
O Círculo das Artes de Lugo é unha asociación sen ánimo de lucro que ten entre os seus fins, a promoción e desenvolvemento da Cultura e o Deporte nos seus máis amplos aspectos, posibilitando neste sentido un labor educativo.
Nesta liña de actuación, atende especialmente á organización de exposicións, audicións musicais, competicións deportivas, proxeccións, certames, ciclos de conferencias que de ningún modo poderán versar sobre asuntos políticos, clases de solfexo, música, guitarra e demais instrumentos, debuxo, pintura, idiomas e Lingua e Literatura Galega, entre outras.