O servizo autonómico de Urbanismo vén de autorizar e ordenar a súa incorporación ao no rexistro de planeamento urbanístico de Galicia, o que garante a súa eficacia xurídica, a modificación puntual do plan do casco vello promovida polo Concello de Lugo para a mazá comprendida entre a esquina da rúa San Roque coa Ronda da Muralla.
Esta modificación do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior do Recinto Amurallado da cidade de Lugo e da súa zona de influencia (máis coñecido polas súas sigas PEPRI) permitirá unha remodelación urbana moi agardada despois de que no ano 2002 tivera lugar a demolición dos edificios preexistentes e que se atopaban en situación de ruína.
Total integración coa Muralla e o Camiño Primitivo
A nova normativa urbanística recolle as condicións que deben cumprir as novas edificacións para mellorar as relacións co entorno, en particular coa Muralla de Lugo, monumento catalogado como Patrimonio da Humanidade e coa ruta do Camiño Primitivo. Cumpre, polo tanto todos os condicionantes para garantir a súa integración e harmonización ambiental.
Coa solución proposta acadarase unha notable mellora da imaxe deste espazo emblemático da cidade e tamén da seguridade e accesibilidade do lugar desde o punto de vista do tráfico peonil e rodado. Así está previsto unha mellor conexión entre as rúas San Roque e Montero Rios, a ampliación dos carrís de acceso a ambos espazos e un recuamento obrigado dos novos edificios que puideran construírse na zona.
O desenvolvemento da nova normativa dará lugar a tres actuacións fundamentais neste espazo: a eliminación da pasarela existente, dar continuidade á beirarrúa e ampliar o Carril dos Forno, polo que discorre a ruta xacobea. Todo isto supoñerá un cambio moi significativo na zona, que ademais mellorará a seguridade e a accesibilidade de peóns e vehículos.
Xa no seu momento, esta solución urbanística contaba co visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, ano 2017 e, en novembro de 2018, do Servizo de Urbanismo da Xunta. A finais de xaneiro de 2019 contou coa aprobación definitiva polo Pleno Municipal de Lugo e tras unha serie de requirimentos de documentación xa atendidos o 5 de xuño publicábase o anuncio correspondente no Diario Oficial de Galicia. Para considerar o seu remate tan só restaría a publicación do documento que conteña a normativa e a ordenanza no Boletín Oficial da Provincia.
Cómpre lembrar que a incorporación da reforma do plan do casco vello da cidade de Lugo no rexistro de planeamento urbanístico de Galicia responde ao obxectivo de garantir a transparencia e a publicidade. Nel quedan inscritos, previa supervisión pola Xunta, os acordos de aprobación definitiva así como os de modificación dos instrumentos de planeamento urbanístico vixentes.