A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de autorizar o proxecto do Concello de Lugo para a remodelación da praza do Carme e da rúa do Carme, se ben establece algúns condicionantes que tamén apuntou no seu informe o Consello Asesor do Camiño de Santiago.
Asi, a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural insta a minimizar todo o posible a pavimentación dura a modo de explanada na praza, recuperando elementos verdes e arboredo, especialmente no entorno inmediato da igrexa. Neste sentido, indica que deberá terse en conta non só a reforma do espazo en si, senón as características ambientais e históricas do conxunto, evitando unha reurbanización por supresión que conleve una modificación substancial do entorno da igrexa e dos espazos libres que a ela están asociados.
No que respecta á pavimentación da senda que discorre por detrás da igrexa do Carme, explica que poderá ser con elementos consistentes, se ben conservaranse as franxas de vexetación das súas beiras. Así mesmo, a pavimentación con formigón desactivado da Travesía Noriega Varela tamén manterá franxas de vexetación nos seus laterais.
As actuacións realizarase baixo un control arqueolóxico continúo e a pé de obra, para establecer as medidas oportunas que permitan a conservación ou a documentación, de ser o caso, das evidencias ou elementos de interese arqueolóxico que poidan aparecer.
A zona obxecto de intervención sitúase no territorio histórico do Camiño Primitivo e contigua á Muralla, ambos elementos declarados Patrimonio da Humanidade; ademais, trátase dunha área de protección arqueolóxica e hai outros elementos protexidos como a igrexa do Carme.
Fotografía: Google maps