A Xunta autoriza o traslado dos mexillóns na zona onde o Concello ten previsto instalar a rampla para o baño

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático estudou coa máxima dilixencia a documentación que onte xoves lle foi aportada polos representantes do Concello de Lugo e procedeu a autorizar esta mesma mañá o traslado dos exemplares de náiades Potomida littoralis e Unio delphinus a outra zona do río non afectada polas obras.

A autorización establece que os traballos de translocación serán levados a cabo por persoal da empresa Biosfera e quedan condicionados á supervisión por parte do Servizo Provincial de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Dende a Consellería sinalan que “actuaron unha vez máis de xeito áxil para non perder o tempo innecesariamente, malia as sucesivas modificacións que o Concello de Lugo veu realizando no proxecto ao longo de todo o verán (a última modificación aínda foi comunicada polo Concello á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o pasado luns, 19 de agosto)”. Ademais salientan “que autorización do organismo de conca para a instalación da rampla é unicamente ata o 15 de setembro do presente ano, o que na práctica fará que a plataforma estea en servizo e operativa para os posibles usuarios apenas uns días”.

Dende o Concello de Lugo consideran que esta autorización ten como condicionante “dúas comprobacións sucesivas despois de pasados dous e cinco días da extracción dos moluscos, o que non evidencian a colaboración ofrecida pola Xunta de Galicia nin o compromiso de celeridade do que nos falaron”. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos,  lembra que “a administración autonómica dispón da solicitude de traslocación dos moluscos dende inicios da semana e hoxe comunica unha resolución que suporá novos atrasos. “Trátase de un proceso administrativo que poderían ter resolto en horas e levamos case unha semana de espera”, lamentou Alvarellos.

O Executivo local incide en que “trasladar os mexillóns a un punto próximo e habilitar a rampla e a zona de balizamento son labores que se poden facer en moi pouco tempo e con todas as garantías pero para iso é preciso que a Xunta cumpra a palabra dada”, ao tempo que lamentou “que durante todos estes días a única comunicación da Xunta co Concello fose para reclamar a documentación que xa lles fora enviada pola propia Confederación – en alusión á concesión da autorización – así como os informes supletorios que a administración local lle enviou ao Órgano da Cunca para efectivizar ese permiso”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com