A Xunta avanza co Inta no deseño do Polo Aeroespacial de 2025

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá en Madrid unha reunión de traballo co director xeral do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (Inta), José María Salom, para avanzar no deseño da Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025.

Na cita, na que tamén estivo presente a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacouse a importancia de contar coa colaboración do organismo público dependente do Ministerio de Defensa para posicionar Galicia, a través das instalacións situadas en Castro de Rei (Lugo), como un referente no sector e impulsar así o seu crecemento económico.

Neste sentido, Conde puxo en valor a importancia do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (Ciar) como motor esencial da Estratexia 2021-2025, xa que nestes momentos conta cunhas instalacións pioneiras en Europa para a realización de ensaios certificados e para a investigación con drons. Así, avogou por afianzar a colaboración entre Xunta e Inta para consolidar o liderado do Polo Aeroespacial de Galicia e convertelo na primeira Infraestrutura Científico-Tecnolóxica Singular (Icts) en España especializada en vehículos aéreos non tripulados e avanzar na súa sustentabilidade económica.

O Goberno galego aposta por un Plan estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia de cara aos próximos cinco anos co que se espera a participación de máis de 200 pemes do sector; a atracción de, alomenos, catro a oito empresas tractoras; a implantación de 20 novas solucións tecnolóxicas que permitan mellorar a eficacia, eficiencia e seguridade dos servizos públicos; a firma de, como mínimo, cinco acordos de I+D de compra privada de innovación ao ano; e a incubación ou aceleración de 24 novas empresas.

Trátase dun dos proxectos tractores que integran a candidatura de Galicia aos fondos Next Generation, polo que se finalmente o Goberno central accede a que o Polo Aeroespacial forme parte deste programa europeo, podería chegar a mobilizar 540M€ de investimento público-privado, dos cales xa ten comprometidos 70M€ –destes, 40 millóns se destinarán a licitación de Compra Pública Precomercial que será publicada ao longo do mes de xullo–.

O vicepresidente económico sinalou esta mañá o compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento dunha política industrial e de innovación activa orientada ao desenvolvemento do sector aeroespacial e destacou a oportunidade que supón a Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025 para xerar emprego de calidade e atraer e captar ao mellor talento. Ademais, valorou a colaboración público-privada como ferramenta clave para contribuír ao fortalecemento das capacidades de universidades e empresas dos sector aeroespacial e lograr un incremento da cooperación entre o sector empresarial e industrial e os centros de coñecemento e tecnoloxía.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com