O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro expuxo este venres unha serie de feitos que, segundo o goberno local, demostra que a Xunta está “tratando de boicotear” a creación da área pública de baño que o Goberno impulsa no Miño coa colocación de estruturas flotantes, primeiro coa dilación do informe ambiental preceptivo para a autorización do proxecto, pois foi solicitado o 27 de xullo de 2017 e non o emitiu ata medio ano despois –o 24 de xaneiro de 2018-, e logo coa incorporación continua de novas esixencias, a reiteración das mesmas e a solicitude de ampliación de datos xa facilitados.
Mostra disto é o último requirimento, que entrou onte mesmo no Rexistro do Concello, no que a Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pide a entrega, nun prazo de 10 días, de numerosos documentos que nunca antes pediran, como unha batimetría en época de estiaxe -cando a xa presentada foi feita con caudais de estiaxe, tal e como se indica no propio documento-, un plan de continxencia para a retirada das estruturas flotantes ante unha crecida repentina do río, un plan de continxencia de retirada de residuos -cando xa se indicara que será a través de xestores autorizados-; e unha mostraxe das especies de fauna e flora na zona susceptibles de protección realizada en época de estiaxe.
Este novo requisito supón realmente que Lugo non poderá contar este verán con área pública de baño no Miño porque deberá realizarse en época de estiaxe do río (por debaixo dos 6,77ms3/sg), e resulta imposible saber a día de hoxe cando se producirán esas condicións do caudal ou mesmo si se chegarán a producir, dado o volume de precipitacións caídas nos últimos meses.
Con respecto a este estudo de campo para elaborar a mostraxe das especies susceptibles de protección, Daniel Piñeiro, celebrou “como ambientalista que por fin a Xunta tome a man en este tipo de estudos e que a partir de agora pidan facer mostraxes en estiaxe en todas aquelas actividades susceptibles de informe ambiental. Ogallá o pidan na mina de Touro e o tiveran ordenado na canteira de caolín de Triacastela, na canteira da Campa na que se sepultou un río, nos monocultivos forestais que hai en hábitats prioritarios, ou na eliminación do caudal ecolóxico dos encoros de Santo Estevo, Belesar e Ézaro durante moitos anos. É bo que sigan neste camiño as autoridades ambientais. Supoño que agora mesmo en toda Galicia empezarán a esixir nos informes ambientais estas mostraxes de especies, e non llo manden só ao Concello de Lugo. Espero que sexa para toda Galicia igual”.
Ademais, aínda cando as obras foron sometidas ao procedemento de Competencia de Proxectos por parte da Confederación Hidrográfica do Miño Sil (CHMS), o máis extenso e complexo de tramitar, porque os traballos afectan á lámina de auga, co cal o seu aproveitamento “sería o máis importante, a Xunta non deixou de requirirnos continuamente o impacto ambiental dos servizos en terra, como aparcadoiros, vestiarios ou papeleiras”, explicou o edil.
A pesar dos “continuos atrancos”, o Concello enviará a documentación e aclaracións requiridas unha vez máis “porque queremos facer unha área de baño accesible no Miño, iso nos dará valor como cidade e creo que é un dereito da cidadanía e mesmo do propio río, pois canto máis o valoremos máis o vamos a querer e protexer”, subliñou Daniel Piñeiro. Así mesmo, de non ser finalmente autorizado o proxecto actual, o Goberno xa estuda diversas opcións alternativas.
“A diario, o que se converteu xa no voceiro de facto do PP neste Concello, Balseiro, aproveita a máis mínima ocasión para facer oposición dende a Xunta a este Goberno, sen escatimar para elo a manipulación”, afirmou o Concelleiro. “Ao Partido Popular non che chega con incumprir todas e cada unha das débedas históricas que a Xunta mantén con Lugo, Hemodinámica 24 horas, Museo da Romanización, Rolda Leste, Plan Paradai…, tratándonos como cidadáns de terceira, senón que tratar de responsabilizar ao Concello da súa total inoperancia e discriminación aos lucenses”, opinou Piñeiro, quen engadiu que os populares “non só non fan, e non só tratan de tapar a súa deixadez cargando contra o Concello, senón que non deixa facer: poñen todos os medios ao seu alcance, utilizando de maneira partidista as institucións, para torpedear a quen de verdade, como fai este Goberno, traballa por Lugo, polos lucenses, por ampliar os seus servizos e infraestruturas, por mellorar, en definitiva, a súa calidade de vida”.