O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se trata de alimentos adquiridos pola Consellería do Medio Rural a través da canle de comercialización Mercaproximidade, posta en marcha para axudar aos pequenos agricultores e gandeiros galegos a compensar a caída das vendas provocada pola situación de emerxencia sanitaria.
Os produtos están a ser distribuídos a través de diversos centros e colectivos que realizan labores de asistencia social, como bancos de alimentos, comedores sociais ou entidades que traballan no eido da inclusión social. Tamén se fixeron chegar aos hospitais galegos, entre eles o Lucus Augusti de Lugo e os da Mariña e Monforte de Lemos. Neste caso, dóanse á Federación veciñal 100 quilos de queixo, 1.600 quilos de patacas, 300 iogures, 400 litros de leite e 30 quilos de mel.
Todas as compras que realiza o Goberno galego a través de Mercaproximidade enmárcanse na situación excepcional que estamos atravesando debido ao coronavirus. Así, e de xeito temporal, a orde impulsada pola Consellería contempla a posibilidade de que a Xunta poida mercar produtos agroalimentarios a aqueles produtores que teñan problemas para dar saída aos seus produtos, debido ao peche da hostalaría, da restauración e dos mercados tradicionais de proximidade.
Deste xeito, o Goberno galego contribúe a garantir a supervivencia do motor principal da dinamización do rural, centrado na actividade agropecuaria, e minimiza a perda de ingresos que poidan ter estes produtores debido ao peche das súas canles habituais de comercialización.