O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha xuntanza co equipo directivo da Sociedade Deportiva Sarriana na que lles trasladou a vontade da administración autonómica de colaborar con esta entidade.
De feito, avanzou que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte financiará a adquisición dun novo marcador dixital para o estadio da Ribela, que substitúa ao actual, xa obsoleto e pouco funcional. Esta foi precisamente unha das demandas que a propia directiva trasladou ao delegado territorial nun encontro anterior no que estudaron distintas necesidades.
Balseiro avanzou que ao tratarse dun estadio de titularidade municipal esta nova dotación deberá articularse a través dun convenio de colaboración que a administración autonómica ofrecerá o Concello. Ao tratarse dunha demanda da propia entidade deportiva non agardan atopar ningún obstáculo neste procedemento.
O encontro serviu tamén para trasladar a felicitación do Goberno galego polo recente ascenso á rexional preferente acadado polo equipo senior da SD Sarriana logo de rematar a tempada como campións da Liga da primeira autonómica.
Balseiro pediu facer extensible esta felicitación ao conxunto do equipo técnico e directivo, aos xogadores e, por suposto, á veciñanza de Sarria que sempre presta apoio a este equipo que precisamente este ano celebra o seu 50 aniversario.