A Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Antas de Ulla veñen de executar obras de mellora e posta en valor de varias estradas e camiños rurais do municipio que supoñen un investimento conxunto de máis de 382.000 euros. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Javier Varela, visitaron esta mañá varios destes espazos mellorados, e avanzaron as novas actuacións que se teñen previsto executar no municipio co apoio da Xunta.
O obxectivo final é o de garantir unhas estradas e camiños na mellor situación posible, que dean servizo á veciñanza do rural, aumentando a súa calidade de vida. Ademais as pavimentacións contribúen a garantir unha circulación confortable e mellorar os accesos ás explotacións gandeiras, vivendas e negocios que se emprazan nestes espazos.
As obras xa executadas superan os 266.000 euros, con distintas achegas procedentes das Consellerías do Medio Rural e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Permitiron a mellora de varios camiños en distintas parroquias, entre elas á pavimentación de vías públicas en Santa Mariña e Frádegas, Vilanuñe e Cibreiro, en A Somoza-O Seixo, Peibás, Santa Cristina de Areas, San Xurxo da Terra Chá e A Cervela e tamén en Caira, Rial, Quintela e Ponte do Estanco.
A estas actuacións habería que sumar tamén os investimentos previstos dentro do Plan Marco de camiños, a través do cal se achegarán outros 116.000 euros a este municipio. Irán destinadas a obras de mellora en San Fiz de Amarante, O Rial, Timós, e en Amoexe, Barreiro e Casilmoure. As obras executadas forman parte da estratexia do Goberno galego, de apostar polo rural e desenvolvelo dende todas as vertentes para así garantir o seu futuro a través do relevo xeracional e a fixación de poboación.
Na visita aproveitaron tamén para coñecer o centro xeográfico de Galicia, “o corazón da nosa terra”, emprazado precisamente neste concello, en Antas de Ulla, segundo certifica o Instituto Xeográfico Nacional, en concreto na parroquia de San Fiz, un espazo natural que convidaron a coñecer e que “está a converterse nun referente turístico”