A Xunta completa as obras no arquivo e a fachada do IES Lucus Augusti

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe no acto de inauguración das instalacións do arquivo do Instituto de Educación Secundaria (IES) Lucus Augusti, na capital.

Balseiro subliñou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria completa así unha serie de reformas executadas nos dous últimos anos cun investimento de preto de 209.000 euros destinados a mellorar as instalacións para “adaptar este edificio histórico aos requirimentos da aprendizaxe e da sociedade actual”.

Deste montante total, máis de 97.000 euros investíronse nos traballos de remodelación do arquivo e a retirada dos antigos escudos, tanto na vidreira interior como na fachada, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica.

O delegado destacou que a obra do arquivo garante a conservación e contribúe a poñer en valor o patrimonio histórico, científico e documental do IES Lucus Augusti, tanto os  fondos bibliográficos da chamada biblioteca histórica, con exemplares desde o século XVII, como o fondo documental do propio centro desde mediados do século XIX. Tamén se custodian pezas procedentes de diversas coleccións e doazóns relacionadas coa física, química, bioloxía ou anatomía humana, entre outras materias.

Balseiro lembrou que a conservación e protección dos fondos previa á súa catalogación e traslado ao novo arquivo do Lucus Augusti requiriu da colaboración do Arquivo Histórico Provincial, a Biblioteca Pública Provincial e “dos docentes deste instituto que, despregaron esforzos encamiñados a conservar, protexer e difundir o legado e a memoria das xeracións que nos precederon”.

Por outra banda, tamén se executaron recentemente obras de mellora nos vestiarios do polideportivo que comparte do IES Ollos Grandes así como outras medidas de conservación na instalación eléctrica e na de abastecemento, o pintado interior da pista polideportiva ou a reparación de caneiros e baixantes.

Balseiro afirmou que as melloras realizadas neste centro educativo demostran “o compromiso da Consellería de Educación cun instituto de referencia para Lugo, que forma parte da historia da provincia e que avanza cos tempos, mellorando a calidade das instalacións e o benestar da comunidade escolar”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com