A Xunta comprométese cos veciños da Pastoriza a cubrir a praza do terceiro médico do centro de saúde

A Xunta de Galicia vén de se comprometer coa veciñanza da Pastoriza a cubrir, de xeito definitivo, a praza do terceiro médico de atención primaria do centro de saúde da localidade. Así llelo comunicaron a pasada semana o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o xerente da área de xestión integrada de Lugo, Cervo e Monforte do Sergas, Ramón Ares, aos representantes de cinco asociacións de veciños da Pastoriza que presentaran fai un mes un escrito dirixido ao Conselleiro de Sanidade reclamando unha xuntanza ante a “perda de calidade asistencial no centro de saúde da Pastoriza”.

Na reunión, que tivo lugar na sede da Xunta en Lugo, os representantes da Administración autonómica explicaron que durante o mes de novembro o Sergas ten previsto finalizar o concurso de traslados aberto en toda Galicia e que a continuación cubrirá as prazas vacantes, entre as que se atopa a da Pastoriza.

Ramón Ares recoñeceu diante dos veciños que en agosto o centro de saúde da localidade estivo atendido unicamente por dous médicos por haber carencias de persoal para poder cubrir todas as necesidades durante as vacacións, pero indicou que desde setembro a praza do terceiro facultativo no centro de saúde da Pastoriza está a ser cuberta mediante contratos mensuais.

Os representantes das 5 asociacións de veciños do concello, pertencentes ás parroquias de Úbeda, Lagoa, Álvare, Reigosa e Rigueira, agradecen o compromiso adquirido polos responsables da Administración autonómica de que a praza do médico que se xubilou este verán non se vai eliminar e vaise sacar a concurso pero anuncian que estarán “vixiantes para que se cubra de xeito definitivo no menor tempo posible”, xa que, din, “con contratos dun mes non se garante a estabilidade do persoal facultativo nin a calidade asistencial aos pacientes”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com