A Xunta concede 15.000 euros para rehabilitar unha infravivenda en Antas de Ulla

A Xunta de Galicia acaba de conceder unha axuda de 15.000 euros co fin de acometer obras de reparación e mellora  da habitabilidade nunha vivenda localizada no municipio de Antas de Ulla. Concretamente, as actuacións subvencionables teñen como fin evitar o risco de derrubamento do chan da planta alta do inmoble, así como o seu acondicionamento interior.

Unha vez comezadas as obras, o Concello de Antas de Ulla, como beneficiario da subvención, terá que comunicar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo a data de inicio. Os traballos previstos no inmoble deberán estar finalizados antes do 24 de novembro.

A última orde de axudas para rehabilitar infravivendas no rural foi convocada o pasado 9 de febreiro e o prazo de solicitude aínda permanecerá aberto ata o 2 de xuño. Os inmobles obxecto da actuación de mellora poden ser propiedade dos seus moradores ou do concello, aínda que en ambos casos a axuda debe solicitala a Administración local.

A finalidade deste programa, pensado para municipios de menos de 10.000 habitantes, é facilitar o acceso a unha axuda de ata 15.000 euros para realizar obras que melloren o estado de inmobles residenciais que non reúnan as condicións mínimas de habitabilidade.

As entidades locais poden solicitar estes incentivos, por exemplo, para acometer obras de rehabilitación dos elementos exteriores da vivenda, das condicións estruturais e de seguridade, ou que incidan na súa accesibilidade, entre outras. A cambio, a vivenda resultante deberá destinarse a domicilio habitual e permanente da unidade de convivencia beneficiada durante un prazo non inferior a cinco anos.

Cómpre lembrar que desde a posta en marcha deste programa, a Xunta xa concedeu axudas por un importe global de 1,4 millóns de euros, contribuíndo deste xeito a mellorar as condicións de habitabilidade de 117 inmobles en toda Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com