A Xunta considera que o Parador-Museo en San Fernando incrementaría o turismo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, continúa coas reunións programadas cos principais colectivos asociativos de Lugo para presentar o proxecto integral elaborado polo Goberno galego para o impulso do turismo cultural na cidade. Nesta ocasión, a xuntanza tivo lugar coa directiva do Club Fluvial, a entidade con maior número de socios da localidade.

Balseiro sostén que a proposta defendida pola Xunta, -que combina a creación dun parador musealizado e do museo da romanización, con funcionamento en rede e sede principal no actual Mihl- suporía un importante revulsivo para a oferta turística da cidade, en especial porque permitiría captar un novo perfil de viaxeiros de maior poder adquisitivo e máis internacional, todo iso sen xerar competencia cos aloxamentos e cos negocios en funcionamento.

Nese senso Balseiro lembrou que segundo o estudo de viabilidade encargado pola Xunta e realizado por profesionais de recoñecido prestixio, a ocupación media dos paradores sitúase 22 puntos por encima da rexistrada no conxunto da cidade (pasaría do 52 ao 74%) e a media de visitantes estranxeiros nestes establecementos de Paradores é do 36% fronte ao 15% da capital lucense.

O parador museo no Cuartel de San Fernando estaría ademais aberto á cidadanía a través do espazo expositivo e de toda unha serie de actividades complementarias, incluída a visita ás áreas musealizadas do antigo cuartel, que permitirían poñer en valor in situ os achados arqueolóxicos presentes neste inmoble.

A cidade pasaría a dispoñer dunha infraestrutura de 45 habitacións e máis de 100 prazas, tres salóns para albergar un total de 175 persoas, así como un restaurante e un salón de almorzos, enfocados ao produto local, con capacidade para 75 comensais. O mesmo estudo de viabilidade, presentado pola Xunta, estima que o parador museo suporía un impacto económico de 1,6M€ no seu primeiro ano e xeraría un mínimo de 30 empregos directos, ademais do efecto multiplicador na zona.

Balseiro volveu a insistir no absurdo que suporía ter que renunciar a algunha das propostas incluídas no proxecto da Xunta, e insiste en que poden convivir perfectamente un parador museo en San Fernando e un museo da romanización, con funcionamento en rede e sede no Mihl.

O delegado dixo tamén que a Xunta “fixo os seus deberes” e ademais do informe de viabilidade achega unha proposta económica firme: o Goberno galego está disposto a achegar a metade do custe de rehabilitación do Cuartel de San Fernando para dotalo de novos usos e asumiría o custe de recuperar o Pazo de Doña Urraca e da Casa Torre.

Finalmente insiste na importancia de dar contido e racionalidade aos principais inmobles en discusión: o cuartel de San Fernando, edificio de titularidade municipal hoxe en situación de abandono polo Concello, e tamén ao Museo Interactivo de Historia de Lugo (Mihl), que pese ao elevado custe de construción e mantemento non recibe apenas visitantes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com