A Xunta de Galicia achega ao concello de Meira 48.500 euros para a construción da rede de abastecemento ao núcleo de Orpín, na parroquia de Seixosmil.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a o Goberno Galego, asume integramente o custo da actuación e incidiu no esforzo da autonomía “por garantir os servizos básicos en todo o territorio, especialmente no rural”.
A actuación prevista comprende a execución completa do sistema de abastecemento, a captación do manantial -que requirirá a apertura dun camiño que permita acceder coa maquinaria necesaria-, a construción dun depósito de 10.000 litros de capacidade e as conducións. Deste xeito, os veciños e veciñas disporán de auga suficiente e de calidade. Na actualidade, o abastecemento resólvese mediante pozos e traídas particulares, que a miúdo resultaban insuficientes durante o verán.
Balseiro destacou que a Xunta colabora cos concellos na dotación de servizos, “facendo especial incidencia na atención ás necesidades do rural, co obxectivo de que todos os veciños e veciñas dispoñan de infraestruturas axeitadas que melloren a calidade de vida e faciliten a actividade económica”.