A Consellería de Emprego e Igualdade vén de renovar as axudas para a contratación ou mantemento de orientadores laborais, que na provincia de Lugo supoñen un investimento de 953.900 euros para financiar o labor de 39 técnicos que prestarán os seus servizos en máis dunha vintena de concellos e en 14 entidades sociais.
O municipio da capital contará con 25 orientadores, dous no propio Concello de Lugo e o resto en entidades como asociacións empresariais, sindicatos e colectivos que traballan no eido de inclusión social.
Tamén contratan técnicos os concellos de Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria e Burela. Así mesmo, é frecuente que varios municipios compartan os servizos dun orientador, como ocorre en Carballedo e Chantada; Cervantes Becerreá e Pedrafita do Cebreiro; Alfoz, Cervo e O Valadouro; O Corgo, Láncara e Triacastela; Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel; Meira, Riotorto e Ribeira de Piquín; e Sober, O Saviñao e Pantón.
Os contratos teñen unha duración dun ano, financiándose estes empregos cunha contía máxima de 25.000 euros por cada técnico en orientación laboral contratado a tempo completo e con 28.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro que realice actividades de atención a persoas con discapacidade.
Os orientadores encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas. A mellora da orientación laboral cun enfoque a servizos e dirixida tanto a demandantes de emprego como ás empresas é un obxectivo prioritario da Xunta.
Ago 19, 2021 - 12:04 AM
E os que atopan traballo, ainda que sexa temporal, son os propios orientadores laborais.