O 17º Ribeira Sacra Festival presentou hoxe en Santiago de Compostela a programación da súa quinta edición, que arranca mañá venres cun concerto sorpresa a bordo do catamarán Ponte do Sil. O evento, que se celebrará durante toda a fin de semana en diferentes localizacións da Ribeira Sacra, volve contar co apoio da Xunta de Galicia para o desenvolvemento dunha ampla oferta que conxuga os concertos con propostas gastronómicas e actividades relacionadas co seu contorno natural e patrimonial.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou no acto celebrado esta mañá na Tafona, restaurante compostelán cunha Estrela Michelin. Nel tamén interveu a súa chef, Lucía Freitas, encargada da proposta gastronómica do encontro, así como Carlos A. Montilla, director do festival, e representantes do diferentes concellos e marcas patrocinadoras.
Calidade e sustentabilidade
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou a singularidade da proposta do Ribeira Sacra Festival, ademais do espectacular enclave no que se leva a cabo, na liña dos principios que promove FEST Galicia, a marca creada pola Xunta para a promoción de Galicia como destino musical baixo criterios de calidade e sustentabilidade social e medioambiental.
Esta iniciativa é unha das dúas principais vías de apoio do Goberno galego aos festivais profesionais de música, para os que se conta cun orzamento de 840.000 euros en 2021. De feito, FEST Galicia reforzouse cun investimento de 500.000 euros, un 25% máis que en 2020. Este ano retomouse, ademais, a convocatoria específica de subvencións a festivais de música, suspendida ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas, actualmente en proceso de tramitación, distribuirá outros 340.000 euros entre os encontros beneficiarios.
Como festival adherido a FEST Galicia, o Ribeira Sacra conta co patrocinio da Xunta para o escenario Xacobeo 21-22, que se instalará nas Bodegas Regina Viarum de Sober e acollerá as actuacións de Silvana Estrada, Depedro e Ángel Carmona DJ mañá venres e de The Excitements, The Gift e Bronquio o sábado, ademais da Zona Gastro e actividades como unha cata a cegas. O evento conta tamén co apoio de Galicia Calidade na organización do showcooking que terá lugar o domingo.