13,00 h.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinará nove convenios coas entidades da Rede Galega contra a Trata en materia de axudas de emerxencia ás vítimas desta lacra. foto xoán crespo 10/05/2021

A Xunta convenia con 9 entidades que loitan contra a trata para garantir atención de emerxencia das vítimas

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela na sinatura de nove convenios con cada unha das entidades que conforman a Rede Galega contra a Trata para garantir mediante axudas directas de emerxencia a unhas 200 mulleres vítimas desta lacra e atender as súas necesidades básicas derivadas da covid-19.

Na firma participaron representantes de cada unha das nove entidades que integran a Rede: Asociación Comisión Católica Española de Migracións (ACCEM), Aliad-Ultreia, Cáritas Diocesana de Ourense e Santiago, Ecos do Sur, Asociación Faraxa, Fundación Amaranta, Hermanas Oblatas de Ferrol e Médicos do Mundo.

As axudas que se conceden por medio dos convenios hoxe asinados -enmarcados nas actuacións que Galicia vén desenvolvendo no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero- teñen por obxecto cubrir as necesidades básicas e puntuais das vítimas, agravadas pola pandemia. Concretamente trátase de proporcionar, nos casos de urxente desamparo, un apoio de emerxencia en materia de aloxamento, alimentación, hixiénico- sanitaria, de transporte ou de telecomunicacións.

“Iniciativas e proxectos como os que hoxe nos unen permítennos lembrar a importancia de afrontar esta realidade como o que é: unha forma de escravitude contemporánea intolerable”, declarou a conselleira de Emprego e Igualdade. A Xunta destina 7.000 euros a cada unha das 9 entidades, co que a contía total se eleva a 63.000 euros, un 40% máis que no ano 2020 no que se celebraron por primeira vez estes convenios como medida de reforzo no contexto da covid-19, para atender ás necesidades de urxencia entre as mulleres vítimas da explotación sexual. Grazas ás mesmas conseguiuse axudar a 194 persoas en 2020 e a idea é que este ano se poida chegar a outras 200.

Con estes apoios directos compleméntanse outros programas que a Xunta ten activos como o que promove o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual -preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral- ao que o Goberno galego destinou nos últimos cinco anos máis de dous millóns de euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com