En primeiro lugar queremos agradecer ás máis de 6.000 persoas que estamos a loitar arestora contra o lume en Galicia (especialmente aos compañeiros e compañeiras que hoxe están traballando. Non podemos esquecer que namentras estamos acá séguese a traballar no lume de Cualedro). Dese equipo de profesionais, pouco máis de 100 persoas temos o cometido de coordinar e xestionar todos os medios na extinción de incendios. Somos o Persoal Técnico de Incendios Forestais (enxeñeiros técnicos forestais e enxeñeiros de montes). Os que hoxe nos concentramos esixindo un novo acordo para as nosas condicións de traballo e tamén para lograr unha resposta máis eficaz do servizo público que representamos (tanto na extinción e prevención dos incendios forestais como na xestión forestal dos nosos montes). De seguro que ata o de agora non escoitárades falar de nós, mais vémonos na obriga de alzar a nosa voz e reclamar unha mellor organización do noso traballo ante unha nova realidade que cambiou substancialmente na última década. Tedes que preguntarvos quen xestiona os nosos montes (que na nosa terra representa as ¾ partes do territorio) e obteredes a resposta nos profesionais que estamos aquí. Recordar que coordinamos máis do 40% dos incendios do Estado (un 10% dos de toda Europa), xestionamos de forma directa o 15% do territorio galego que se atopa en contratos de xesión pública (con 60.000 ha en certificación), revisamos a metade das cortas de madeira do Estado e canalizamos a corta de preto de medio millón de toneladas ao ano de madeira en montes de xestión pública (que xeran uns ingresos de preto de 15 millóns de metros cúbicos unha gran parte dos cales revirte nas comunidades de montes). Temos aberto no noso Twiter unha canle para que calquera persoa nos poida preguntar o que queira saber sobre nós e o noso traballo. Non pedimos aumento de soldo senón unha mellor organización do traballo, melloras na seguridade e aumentar o cadro de persoal nos lugares cunha alta carga de traballo. Loitamos contra os abusos horarios que nos impón a Xunta ao facer gardas de 24 horas cunha media de 500 horas ao ano por riba do calendario medio dos empregados públicos e no caso dos xefes de distritro ter unha disponibilidade de 24 horas, sete días á semana. Levamos máis de 25 meses esixindo un novo acordo, e ante o silencio, a falta de diálogo e negociación da consellería do Medio Rural, a Xunta de Galicia empúxanos a iniciar unha folga indefinida a partir do 1 de agosto de 2020. Proba dilo é que aínda non nos xuntamos para negociar os servizos mínimos (farémolo hoxe pola tarde, en tempo de desconto para publicar mañá no DOG esa regulación). Somos profesionais responsables e seguiremos atendendo ás necesidades de extinción de incendios que nos espera nesta dura campaña. Finalmente se Feijoo aposta por Galicia, Galicia, Galicia, non se esqueza da importancia de facer un desenvolvemento rural integral, non se acorde de nós tan só cando hai vaga de lumes e recordámoslle que atallar os lumes parte de ter un traballo de xestión previo. Por todo iso, retrucamos decindo: MONTE, MONTE, MONTE.
FRONTE AO LUME, SILVICULTURA. POR UN NOVO ACORDO XA!!!!!!
Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales coma reconocerte cando volves á nosa web ou axudar ó noso equipo a comprender qué seccións da web atopas máis interesantes e útiles.