O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe a igrexa do mosteiro de San Francisco de Lugo, actual igrexa de San Pedro, onde a Xunta de Galicia iniciará nos vindeiros días un proxecto de rehabilitación. Trátase dunha actuación que conta cun orzamento superior aos 750.000 euros e un prazo de execución de 11 meses que suporá “un gran paso na recuperación do patrimonio lucense” e permitirá a posta a punto deste sobranceiro ben.
Durante a súa visita á cidade da Muralla, Román Rodríguez, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou o compromiso do seu departamento para poñer en valor o patrimonio de Lugo e na “aposta decidida que se fai agora na igrexa de San Pedro”. Os traballos de rehabilitación que a Xunta vai poñer en marcha nesta igrexa “supoñen unha das maiores apostas pola conservación e restauración dun ben histórico que se fai en Galicia”. Neste contexto, destacou que o patrimonio cultural é un “dos piares fundamentais da nosa identidade” e por iso sempre é importante apostar pola súa conservación e posta en valor “especialmente nunha cidade como Lugo que conta con algúns dos bens máis senlleiros da nosa Comunidade como son esta igrexa, a súa Catedral ou a Muralla Romana coa que estamos fortemente comprometidos”.
Problemas de humidade
A actuación que se levará a cabo neste Ben de Interese Cultural (BIC) permitirá resolver as patoloxías existentes no ben, así como mellorar as condicións de confort do inmoble. Neste contexto, os traballos centraranse fundamentalmente en resolver os problemas de humidade procedentes das filtracións existentes na cuberta e nas fábricas.
Ademais mellorarase a imaxe do monumento harmonizando os acabados dos paramentos exteriores e incidirase na conservación do cruceiro e de elementos construtivos e decorativos de alto valor histórico artístico como son a portada histórica, o rosetón sur, a cornixa moldurada pétrea, o vanos góticos ou os contrafortes das capelas da cabeceira. Ademais, os traballos tamén incluirán a avaliación arqueolóxica na cabeceira da igrexa.