A Xunta de Goberno aproba a construción dun centro de Servizos Sociais e a licitación da peonalización da Mosqueira

O goberno municipal anunciou hoxe a construción dun centro de Servizos Sociais interxeracional e polivalente na rúa Lamas de Prado. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe a execución deste inmoble que dará servizo aos barrios do Carme, A Chega, Abuín, Abella e o Castiñeiro así como a diversas parroquias da contorna. Asemade, o deseño do edificio, que se fará baseado en criterios de sustentabilidade, será funcional e cunha distribución flexible que permitirá desenvolver actividades para maiores, mozos e cativos co fin de facilitar, tamén, a conciliación.

A rexedora explicou que “este proxecto enmárcase na estratexia Dusi Muramiñae, que temos en marcha con fondos europeos, e que contempla entre os seus obxectivos o desenvolvemento de accións para fomentar a inserción laboral e reducir o risco de exclusión”. O novo centro, que se levantará nunha parcela municipal de 886 m2 cadrados, que linda coa rúa Aquilino Iglesia e Fábrica de Abella, “contribuirá á revitalización da zona, cunha nova imaxe de modernidade, innovación e mellora estética, ao tempo que buscamos insertar social e laboralmente a colectivos vulnerables”.

“Así mesmo, aproveitaranse as sinerxías co proxecto Life Lugo+Biodinámico, de tal forma que na súa construción teranse en conta criterios medio ambientais e de sustentabilidade, empregando a madeira como principal elemento estrutural, na liña do edificio Impulso Verde que estamos a construír na Garaballa e do urbanismo sostible que é marca xa de Lugo”, engadiu. Por iso, na elaboración do proxecto tívose en conta a esixencia de alcanzar un edificio de consumo enerxético case cero e a instalación de paneis fotovoltaicos, ao tempo que se proxecta unha zona verde ao redor deste espazo público, co fin de conformar unha separación co tráfico rodado. Ademais, na área de aparcamento se contemplan prazas de recarga eléctrica.

No seu deseño tamén se tiveron en conta criterios de ubicación en función das horas solares, e a zona sur disporá dun peche de láminas de madeira para regular a incidencia do sol e controlar o confort climático interior.

Peonalización da Mosqueira

Por outra banda, o goberno local vén de anunciar tamén a adxudicación das obras de peonalización da Mosqueira. Dende tenencia de alcadía lembraron que este proxecto será o espello de como humanizar o entorno da Muralla Romana. A actuación foi adxudicada á empresa Hermanos Pico Yañez, por preto de 600 mil e os traballos terán un prazo de realización de 8 meses. A nova praza peonil resultante será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira. Desde o goberno municipal agardan iniciar a actuación nos primeiros meses de 2021.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com