O subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia pola covid-19, ven de acordar na súa xuntanza de onte, deixar de recomendar o uso das máscaras nos espazos ao aire libre dos centros educativos da comunidade.
O grupo de expertos adoptou esta decisión tras avaliar a situación epidemiolóxica de Galicia así como a grande porcentaxe de poboación pediátrica e xuvenil vacinada. Neste senso, Galicia é a primeira comunidade en porcentaxe de poboación infantil vacinada cun 73,5% dos nenos con alomenos unha dose, o que significa 21 puntos por riba da media do Sistema Nacional de Saúde. Así mesmo, o 41,1% dos menores de 12 anos contan coa pauta completa, 13 puntos por riba da media de España.
No transcurso da reunión, informouse tamén que Galicia está a elaborar un novo protocolo para a vixilancia dos casos de covid-19 para a nova etapa de transición. As directrices desta nova vixilancia consensúanse a nivel nacional, entre todas as comunidades autónomas, precisando a aprobación da Comisión de Saúde Pública. Aínda que tras a aprobación, débese deixar un período de adaptación, Galicia xa está a preparar a implementación da nova estratexia na nosa comunidade para axilizar os cambios, que se producirán atendendo á evolución da situación epidemiolóxica.
Outro tema que se abordou onte foi o do conflito ucraíno e a atención aos refuxiados que chegan á nosa comunidade. Para iso, estase a establecer un documento que recolla os procesos máis importantes a ter en conta nesta poboación a nivel sanitario, tales como a atención en procesos agudos, a vacinación contra a covid-19 e doutras enfermidades transmisibles como por exemplo a tuberculose ou sarampelo, ademáis de vixilancia de enfermidades de interese, entre outros procesos.