O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe en Vilalba, durante a visita ás instalacións de Pelé Design and Retail, que a especialización profesional e a retención de talento dos mozos e mozas de Galicia son chaves no impulso á competitividade do tecido industrial galego. A empresa vilalbesa é unha das 85 pemes que, como vén de recoller o Diario Oficial de Galicia, recibirán as axudas do programa Profesionais 4.0, destinado a promover a contratación de titulados universitarios e de técnicos superiores en FP de ata 35 anos.
Como sinalou Cividanes, con esta iniciativa innovadora a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsará, a través do Igape, a especialización e o acceso ao mundo laboral de 160 persoas novas que recentemente obtiveron a titulación esixida. Dotada con dous millóns de euros, a nova liña de axudas incentiva a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo no eido da Industria 4.0.
As iniciativas de mellora desenvolveranse en áreas tan variadas como a optimización financeira, a profesionalización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación efectiva de tecnoloxía, entre outros.
O director do Igape puxo de relevo ademais a vocación innovadora e o esforzo de Pelé Design and Retail, que avanza na implantación da nova industria intelixente e conectada co apoio das axudas á dixitalización e o programa ReAcciona activados polo Igape. Ao abeiro da nova liña Profesionais 4.0, desenvolverá ademais un proxecto de mellora e optimización dos procesos de produción, apertura a novos mercados e estratexias de colaboración con outras empresas do sector en plans de I+D+i. A empresa vilalbesa, dedicada ao deseño e reforma integral de interiores, naceu dunha iniciativa familiar en 1987 e forma parte do Grupo Pelé, que dispón na actualidade dun cadro de persoal de 55 traballadores e está presente en varios países europeos.
Profesionais 4.0, que conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, súmase ás distintas iniciativas impulsadas pola Administración autonómica para favorecer a retención de talento na Comunidade e o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza, ao tempo que se estimula a súa incorporación ao tecido empresarial, mellorando así a súa competitividade.
Xunto con programas como Maquinaria 4.0 e os Centros de Fabricación Avanzada, é un das novas liñas activadas recentemente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria ao abeiro da Axenda Industria 4.0 e a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, as follas de ruta coas que se impulsa a innovación e a competitividade do tecido empresarial galego co obxectivo de crear emprego de calidade.
A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está a activar programas de apoio por preto de 67 millóns de euros centrados en impulsar a transformación dixital do tecido empresarial galego e a Industria 4.0, dos que se poderán beneficiar tanto as empresas como os centros tecnolóxicos.