As explotacións agro-gandeiras emprazadas no termo municipal de Lugo beneficiáronse de 5,2 millóns de euros en distintas axudas da Consellería do Medio Rural.
A principal liña de apoios está relacionada coas axudas directas vinculadas á política agraria común, que supuxeron un investimento global de 3,4 millóns de euros, e que reciben directamente os produtores. A segunda das liñas de apoio, pola súa contía, son as subvencións dirixidas á posta en marcha dos plans de mellora, novas incorporacións ou creación de pequenas explotacións. Neste caso o montante das axudas supera os 1,8 millóns de euros.
Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a visita a unha explotación de gando vacún para leite, que resultou beneficiaria desta última liña de apoios.
No conxunto do termo municipal, a Xunta apoiou 18 plans de mellora, con axudas destinadas a financiar distintos investimentos materiais e inmateriais. Así por exemplo se subvenciona a compra de nova maquinaria, gastos para a elaboración de proxectos técnicos de construción ou reforma das explotacións compra de novos terreos e adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, entre outros.
Ademais, nesta orde tamén se apoia economicamente a incorporación de mozos ás actividades agrarias e gandeiras, co fin de fomentar o relevo xeracional nas explotacións. Así aconteceu con 13 novos gandeiros con explotacións emprazadas no concello de Lugo.