A Xunta ten aberto o prazo de presentación de solicitudes da nova convocatoria das axudas para financiar as unidades formativas en empresas, que conta cun orzamento de 8 millóns de euros. O obxectivo é impartir cursos que solicita o propio tecido produtivo, co compromiso de contratación de entre o 40 % e 60 % do alumnado participante.
Así o explicou hoxe en Vilalba o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, durante unha visita ao centro Forma-T, que o ano pasado impartiu seis cursos no marco deste programa.
A través deles 83 persoas desempregadas melloraron a súa capacitación nas especialidades de reparación e manexo de equipos de recolección de biomasa forestal;
Beneficiarios e detalles da convocatoria
Poden optar a estas axudas as empresas —soas ou agrupadas temporalmente—; entidades e titulares de centros inscritos para impartir formación profesional para o emprego na comunidade e, como novidade, entidades sen ánimo de lucro, como as asociacións empresariais.
Ao respecto dos cursos, serán presenciais e poderán realizarse nas propias empresas ou en entidades de formación homologadas. O compromiso de contratación será polo menos do 60% do alumnado se o contrato dura como mínimo seis meses; ou do 40 % se é por un período igual ou superior aos 12 meses.
O prazo de presentación de solicitudes prolongarase ata o 30 de setembro de 2025 e a data límite para a realización das accións formativas é o 28 de novembro.