A Xunta de Galicia destinou preto de 63.000 euros ao concello de Ribeira de Piquín a través do Fondo de Compensación Ambiental, co que se subvencionan actuacións que melloran o entorno e a conservación natural.
En concreto, este programa da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, facilitou financiamento para mellorar a sinalización dunha ruta de sendeirismo, a rehabilitación dun muro tradicional e a contratación de persoal para a brigada ambiental. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a ruta de sendeirismo que parte da praia fluvial do Chao de Pousadoiro e chega ata o miradoiro de Pena Millares. A actuación neste treito consistiu na mellora da sinalización e a colocación de medidas de protección co fin de conseguir a homologación da ruta.
Balseiro explicou que a consellería tamén subvencionou o proxecto de rehabilitación dun muro tradicional no entorno da igrexa dos Vaos, neste caso a través da liña de concorrencia competitiva do Fondo de Compensación. O delegado subliñou que as intervencións están dirixidas a procurar a conservación do patrimonio natural e monumental deste municipio, que forma parte da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.
Neste sentido, explicou que o actual Goberno da Xunta puxo en marcha este programa no ano 2010 para financiar iniciativas de mellora ambiental, permitindo que por vez primeira os concellos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas instaladas no seu municipio, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico. O pasado mes de xaneiro publicáronse no Diario Oficial de Galicia as convocatorias para este exercicio do Fondo de Compensación Ambiental, así como da Orde de Infraestruturas -tamén dirixida a concellos-, superando entre ambas os 13 millóns de euros.