O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, reuniuse esta semana co alcalde do concello lugués do Corgo, Felipe Labrada, co que estudou novas vías de colaboración para continuar reforzando o tecido empresarial deste municipio lugués, impulsar o emprendemento e a atracción de compañías cara ao parque empresarial.
Os representantes de candasúa administración coincidiron na importancia de seguir mantendo esta cooperación institucional. Para iso, Conde informou ao rexedor das diferentes convocatorias que están a disposición das pemes e dos concellos neste momento, entre as que se atopa a orde de axudas por 2,3 millóns de euros para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais. Os municipios poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 8 de febreiro, e optar a axudas de ata 120.000 euros para propostas individuais e 138.000 para solicitudes de máis dun concello.
No encontro, o vicepresidente económico destacou as oportunidades que ofrece a futura Lei de reactivación, de cara a impulsar o emprendemento, avanzando na simplificación administrativa para facilitar os investimentos.
Unha das medidas da futura lei que se está a tramitar é precisamente o impulso da figura dos Concellos Emprendedores –un distintivo co que conta O Corgo xunto con outros 17 municipios da provincia de Lugo
A futura Lei de reactivación económica permitirá seguir avanzando neste eido, promovendo un cambio de cultura administrativa para lograr a máxima axilización. O obxectivo é achegar unha resposta áxil para facilitar a actividade económica, atendendo aos novos retos aos que se enfronta Galicia.