O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez Núñez, asinaron un convenio de colaboración que permitirá a construción dun novo centro de saúde no concello de Becerreá, unha vez que o goberno local se fixo cunha parcela coas características solicitadas pola Xunta. Na sinatura estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial de Lugo, Javier Arias Fouz, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico.
No convenio, a Administración autonómica asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, mentres que o Concello comprométese a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión da parcela, ademais de asumir a exención do IBI e recoller a bonificación do 95% para obras de especial interese municipal e dar á obra do novo centro dita consideración.
A construción deste novo centro de saúde estaba prevista como prioritaria no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia aprobado polo Consello da Xunta en outubro do ano 2021, dada a antigüidade do espazo no que actualmente se localiza o centro de saúde, que comparte inmoble con áreas municipais e ten carencias de espazos para a organización asistencial ou problemas de accesibilidade, especialmente na súa planta alta.
O plan funcional que a Xunta se compromete a desenvolver para o novo centro de saúde a través deste convenio contempla un inmoble de máis de 2.000 m2 de superficie no que se localizarán unha área de adultos con tres consultas de medicina de familia, tres de enfermería, sala de toma de mostras, sala de técnicas, sala polivalente e sala de docencia.
O centro tamén contará cunha área pediátrica cunha consulta de pediatría e outra de enfermería; unha área da muller con consulta de matrona, consulta de programa da muller e sala de docencia; área bucodental cunha consulta de odontoloxía e outra de hixienista; área de fisioterapia con consulta e ximnasio; área de radioloxía e área administrativa con despacho de traballo social e despacho de coordinación.
Por outra banda, o edificio albergará, así mesmo, o PAC que dá servizo tamén aos concellos de Cervantes, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro ou Navia de Suarna. Este PAC contará cunha sala de observación, un box de críticos, dúas consultas de medicina e unha de enfermería, ademais de sala de estar para o persoal.