O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, mantiveron esta semana un encontro no que ambos destacaron a colaboración institucional como clave para impulsar novos proxectos e iniciativas empresariais e, entre outros asuntos, abordaron a nova edición do espazo coworking que en breve empezará a desenvolverse na localidade.
Na primeira edición desta aceleradora, na que colaboran a Xunta de Galicia a través do Igape, a Escola de Organización Industrial (EOI) e o propio Concello de Palas, participaron 14 iniciativas, e xa se crearon catro empresas a raíz deste coworking vinculado co Camiño de Santiago.
En total, incluíndo o de Palas de Rei, a Xunta de Galicia activará este ano 11 novos espazos coworkings nas catro provincias. Trátase de lugares de traballo, destinados a emprendedores e que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, estando deseñados para aumentar as probabilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento no rural galego. Na provincia de Lugo, acollerán tamén espazos coworking A Ribeira Sacra, con sede en Monforte de Lemos, e A Mariña, con sede en Mondoñedo.